FACEMOS (xuntas?)
Nesta casa impulsamos procesos culturais comunitarios e prácticas artísticas participativas co fin de construír en igualdade presentes (e futuros) mellores. Cremos que hai poucas cousas (ou ningunha) tan valiosas coma o tempo, e isto fainos defender a importancia de compartilo, de entender o cultural como espazo de convivencia e transformación cara o ben común. Por iso escollemos mediar desde a alegría, desde o saber que todas importamos, con empatía e asentadas no contexto, empregando as linguaxes artísticas como ferramentas para abordar desafíos sociais cos que mudar os nosos mundos.
Axúdasnos? Tes as portas abertas, pasa ata a cociña!
A nosa biblioteca é como unha historia interminable, onde priman os textos peculiares que nunca sabes en que estante gardar.
Ás veces, os títulos que non atopamos, escribímolos nós, a varias mans (incluso máis de dúas!), poñendo en valor os coidados e misturando coñecementos e experiencias propias e alleas.
Á mesa do noso comedor sentan artistas moi diversas, tanto, que algunhas nin sequera saben que o son antes de chegar á cadeira. Desde o gusto por compartir iniciamos moitos dos nosos proxectos, coa valentía que dá saber que se primas os procesos acadas mellores resultados.
A ollada rebelde e inqueda fainos defender unha práctica comisarial baseada na experimentación e no atreverse a mostrar o que non se atopa nin nas salas dos grandes museos, nin nos libros de historia.
Na cociña primamos os procesos, por iso escollemos os camiños longos, aqueles que nos permiten acadar as metas que semellan imposibles. E aínda que se nos dá ben atender urxencias culturais, gozamos enormemente dos proxectos cociñados a lume lento, cos mimos e os coidados necesarios para facer desde o procomún.
Especialistas na realización integral de proxectos e actividades, podemos adaptarnos tanto aos gustos e necesidades de quen nos visita, como propor innovadoras receitas adaptadas a cada ocasión.
Ao redor do fogar, técense as mellores historias, e por iso atopámonos agora no corazón desta casa. Sodes benvidas, pero non buscamos públicos, queremos atopar compañeiras coas que crear novas narrativas.
Entendemos a cultura como un proceso relacional no que todas as persoas temos capacidade de expresión e axencia creativa. En base a este posicionamento, procuramos xerar as condicións de posibilidade que garantan a participación activa e inclusiva en cada proxecto.
A través do xogo e da experimentación descubrimos saberes e coñecementos capaces de enraizar en nós desde múltiples perspectivas. É por iso que gozamos de saír á eira e atopar a creatividade no que nos rodea.
Seguindo unha metodoloxía transversal e cooperativa, compartimos, sen xerarquías, as formas de facer e coñecementos especializados arredor das linguaxes artísticas e das técnicas e ferramentas vinculadas a estas. As nosas propostas adáptanse as distintas idades e perfís segundo as necesidades de quen se achegue a explorar con nós. Podes consultar aquí algún dos nosos obradoiros, pero estamos desexando cultivar outros novos contigo!
A nosa casa dispón dunha horta comunitaria na que o intercambio libre de sementes e esgallos é parte do noso día a día. Ás veces, a produción propia non chega e precisamos tirar de redes amigas. Outras, producimos por demais, e estamos encantadas de compartir os froitos e saberes da nosa terra.
Nestes 10 anos de experiencia temos artellado proxectos propios e alleos, defendendo a creatividade cooperativa e atendendo de xeito minucioso cada unha das fases que compoñen os procesos creativos. Se tes unha idea que tes que facer xermolar e non sabes nin cal é o mellor estrume, aquí estamos para sumar. Podemos acompañarte só nunha fase inicial ou axudarche a facer medrar o teu proxecto pasiño a pasiño.
Por último, queremos lembrarche que nesta casa está permitido pintar nas paredes, tanto se tes 1 ano como se estás a piques de cumprir os 107! Pero con precaución, porque o doméstico é só o primeiro chanzo cando falamos de arte urbana, actualmente, un dos movementos artísticos máis populares e universais.
En 7H só a entendemos desde a súa práctica contextual. Por iso, as nosas intervencións dialogan coa historia dos lugares nas que se realizan, cos feitos que as motivan, coas persoas que colaboran nos procesos e, por suposto, co propio espazo físico que as acolle e pasa a formar parte delas. Neste camiño, as mulleres, as súas historias e experiencias, os saberes minusvalorados, son tanto o xermolo das nosas obras, como as principais protagonistas.
Tanto é así que a nosa casa ten sempre portas e ventás abertas, para reivindicar que o que acontece nun fogar pode traspasar os seus muros e converter o espazo público nun lugar común.