Veronika Arauzo
Btoy
Andrea Michaelsson (Barcelona, 1977), máis coñecida como Btoy, é unha artista contextual recoñecida internacionalmente polo seu traballo na rúa. Na súa obra, principalmente protagonizada por mulleres, emprega desde carteis e estarcidos a aerosol e pintura plástica, honrando na esfera pública ás mulleres que destacan polo seu activismo ou pola súa capacidade de transgredir o status quo no cine, a música ou a arte.
Formada en fotografía, disciplina sobre a que desprega o seu proceso creativo, en 2002 comezou a descubrir a linguaxe pictórica a partir da experimentación con técnicas plásticas de carácter libre e improvisado en espazos abandonados e decadentes das rúas de Barcelona. A creadora, de raíces uruguaias, concibe o espazo público como un lenzo sobre o que expresarse artisticamente a partir do diálogo coa arquitectura e estética da xeografía urbana: as texturas e tamaño das paredes e muros, os graffitis próximos ou a memoria do lugar condicionan e enriquecen as súas intervencións, melancólicas malia basearse nunha viva paleta de cores con reminiscencias da arte pop.
A intervención
As paredes da entrada ao Pavillón Polideportivo do Milladoiro xa presumen de constituír unha resposta artística á transfobia. A partir dun retrato a gran tamaño da activista trans Verónika Arauzo, residente en Ames, a artista catalá Btoy creou un universo estético alegórico, con vivas cores de reminiscencias pop art, para reivindicar, como é habitual nas súas obras, a quen transgride moldes.
A composición do mural, na que a figura de Arauzo, creada con aires de “diva retro-futurista” libre de estereotipos, está acompañada dunha cyborg, metáfora das mutación dos corpos e das identidades, visibiliza no espazo público a un colectivo, o trans e a unha loita, a feminista, que non se resigna nin á marxinación nin ao confinamento.
Agradecemos enormemente ás integrantes do coro Son Elas a súa colaboración como amables anfritrioas e a Andrea Btoy por aceptar o convite para ser parte da primeira edición do festival e lidar contra o outono galego.
*Nota evolutiva a 2023: este mural fica parcialmente borrado tras as obras municipais no polideportivo.