Sen título
Lorena Cosba
Fotógrafa de formación e profesión, a obra de Lorena Capdevila (Huesca, 1979), coñecida artisticamente coma Lorena Cosba, convida a descubrir a poesía agochada no cotiá mediante a combinación de técnicas de fotografía antiga, procesos analóxicos do século XIX e métodos experimentais coa arte do obxecto encontrado.
As súas creacións exploran e cuestionan os marcos da fotografía clásica bidimensional a través de pezas nas que as imaxes se exhiben cos seus propios límites desdebuxados. A partir da súa transferencia a todo tipo de espazos, superficies e obxectos (desde follas, pedras ou cunchas a baldosas, telas ou caixas de mistos) a artista constrúe un diálogo creativo entre a memoria e historia emocional das fotografías e os obxectos abandonados ou descartados. Convertidos en soporte e parte da obra a partir do seu rescate e reutilización, “La Cosba” crea novos e metafóricos significados en instalacións e pezas que adoitan xogar coas dimensións espazo-temporais.
A intervención
A Casa do Matadoiro foi o espazo de acollida a Lorena Cosba. O agora centro auto xestionado garda a memoria do proceso creativo da aragonesa con varias instalacións fotográficas que condensan o diálogo emocional entre o espazo e as súas habitantes.
Co obxectivo de reflectir a rede de afectos que xorde “cando as mulleres nos acollemos e apoiamos”, Cosba fotografou a integrantes dos colectivos feministas do Matadoiro, como Tamborililás, Somdolilá ou o grupo de autodefensa, tentando capturar sinais identitarios de cada unha delas.
Trala impresión das fotografías nunha tira de papel horizontal de grandes dimensións, nas que as imaxes se dispoñen en ringleira, a artista interveunas e entrelazounas a partir do bordado con fíos de la. Esta metáfora da rede de sororidade pola que aposta o feminismo e, desde el, as usuarias do Matadoiro que o manteñen vivo, complétase cun espazo de reflexión no que pendurar mensaxes nos extremos colgantes do bordado.
A maiores, nas ventás situadas na fachada principal, a artista pendurou catro pares de ollos, impresos tamén a gran tamaño e en branco e negro, co obxectivo de facilitar á obra a súa transcendencia máis alá dos límites do edificio, na que permanecerá até que as súas usuarias decidan retirala.
Mil grazas Lorena por sumarte con tanto agarimo ao festival e ás participantes por implicarse con paixón neste proceso comunitario!
*Nota evolutiva a 2020: coa excusa da pandemia a Casa do Matadoiro foi clausurada e finalizada a súa actividade como centro auto xestionado. A peza principal foi rescatada polos colectivos feministas, mais descoñecemos o futuro das demais. A día de hoxe segue sen haber consenso sobre o destino do edificio.