Espertade, irmás, que xa pasaron as leiteiras
Dúo Amazonas
Conformado polas artistas e activistas visuais Nati Andreoli (Bos Aires, 1992) e Lina Castellanos (Bogotá, 1990), o colectivo Dúo Amazonas emprega o pincel coma ferramenta de incidencia política e construción de vínculos comunitarios na rúa. Todas as súas intervencións, espalladas desde 2017 por Arxentina, Portugal, Serbia, Kosovo, Grecia e diferentes cidades do Estado español, materializan unha concepción do muralismo como espazo de autorreflexión, no que ambas se interrogan como artistas, e coma un proceso de intercambio activo co territorio e con quen o habitan.
As súas propostas de deseño aliméntanse, transfórmanse e enriquécense a partir da propia estética da superficie a intervir e, especialmente, do contexto no que esta se insire. Así, os seus traballos, de estilo realista, entrecruzan experiencias contextuais con inquedanzas persoais e compartidas froito dunha formación con moitos paralelismos e complementariedades.
Andreoli estudou Escenografía, con especialización en Realización Escenográfica pictórica e, en 2016, de forma pararela ao traballo con técnicas de gravado, debuxo, pintura, cerámica e fotografía, comezou a experimentar co muralismo. Castellanos, pola súa banda, estudou Artes Visuais en Bogotá e posteriormente Escenografía na capital arxentina, onde comezou a aproximarse ao muralismo desde un discurso feminista. Integrante da organización Economía Feminista, investigou os vínculos entre a técnica mural e o feminismo decolonial no marco do Mestrado en Estudos de Xénero que cursou en Madrid, onde ambas residen actualmente.
A intervención
Logo de varios días de intensa dedicación, o colectivo Dúo Amazonas converteu o gris húmido do túnel da estrada que conecta Luou e Solláns nunha fermosa mullerenaxe ás labregas e ás expresións culturais arraigadas na identidade do noso rural.
Inspiradas na historia das irmáns teenses Aurora e Manuela Liste Forján e con fotografías nas mans de veciñas de Luou, Lina Castellanos e Nati Andreoli realizaron, co seu característico estilo realista, unha composición mural que reivindica, a través do retrato de catro pandeireteiras e unha leiteira, os oficios feminizados do mundo campesiño.
Un marabilloso labor artístico que, enraizado no contexto, visibiliza o aínda esquecido e desprezado rol das mulleres no sostemento do rural, tanto no rol produtivo e reprodutivo coma na conservación dos costumes e modos de vida tradicionais.