Ir ao contido da páxina
7H Coop

Utópicas. Arte e Territorio

Ano
2022
Lugar
Santiago de Compostela
Cliente
Concello de Santiago, Auditorio de Galicia
Cultura comunitaria e prácticas artísticas participativas
Comisariado
Comisariado

Utópicas. Arte e Territorio é un proxecto experimental, impulsado polo Auditorio de Galicia e deseñado e coordinado por 7H Cooperativa Cultural, que reivindica a cultura como un proceso relacional en que todas as persoas teñen capacidade de expresión e axencia creativa e, por tanto, que a defende como un medio para fomentar vínculos comunitarios e crear espazos de diálogo emancipadores.

Con esta convicción e seguindo o formato dos laboratorios de innovación cidadá, Utópicas sitúa á veciñanza santiaguesa no centro da produción artística, disolvendo o concepto da autoría individual, redescubrindo a institución cultural como un lugar de participación, pensamento e acción colectiva e primando as aprendizaxes do proceso sobre os resultados.

O seu punto de partida remóntase a marzo de 2022, co lanzamento dunha convocatoria aberta que convidou ás habitantes do concello a presentar ideas que reflexionaran artisticamente arredor do concepto de territorio, entendido como espazo material e simbólico. 

Tras recibir 30 candidaturas, escolléronse cinco propostas vinculadas a Compostela desde as identidades, os feminismos, a memoria colectiva e a loita social. Despois, abriuse unha nova convocatoria que permitiu conformar, a través da participación da cidadanía interesada, os equipos encargados de materializar as ideas en realidades artísticas concretas.

Os colectivos resultantes, constituídos como Corpos en resistenciaLibros que fan barrioNa procura dun bosque, Percorrendo a memoriaRúas da memoria, traballaron entre xuño e outubro para deseñar e executar de forma colaborativa as súas iniciativas. Nese proceso, as súas integrantes asumiron o triplo rol de creadoras, comisarias e axentes, rachando co excluínte esquema creador (artista profesional) - receptor (cidadán), e desenvolveron diversas accións de investigación e creación que ampliaron os marcos da comunidade implicada no proxecto.

A súa fase final tomou a forma dunha exposición de sinatura compartida, realizada baixo o formato work-in-progress e na que conviviron instalacións e pezas expresamente creadas para a mostra co rexistro documental dos pasos previos, así como un programa de actividades en sala que procurou profundar no carácter dinámico e activador da vida en común da iniciativa. 

A exposición, que ocupaba por completo a Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia, estivo aberta ao público entre os meses de outubro do 2022 e xaneiro do 2023. Algunhas das pezas artísticas creadas durante o proxecto, como a biblioteca do barrio de San Pedro, continúan vivas na actualidade.