Ir ao contido da páxina
7H Coop

Mutacións Urbanas

Ano
2016 e 2018
Lugar
Santiago de Compostela e Teo
Cliente
Concello de Santiago, Deputación da Coruña
Xestión e mediación cultural
Cultura comunitaria e prácticas artísticas participativas

No ano 2016, grazas a unha subvención competitiva do Concello de Santiago de Compostela e en colaboración e complicidade con sete colectivos sociais da cidade, levamos a cabo a primeira edición de Mutacións Urbanas, un proxecto de creación comunitaria nacido coa intención de facilitar, a través das artes, a inclusión activa de colectivos invisibilizados e/ou en situación de vulnerabilidade. Organizado a modo de laboratorios de creación, isto é, espazos de experimentación artística e cooperativa, o proxecto articulouse ao redor de cinco liñas de acción que, no seu conxunto, buscaban visualizar a riqueza da diversidade, transformando intervencións artísticas colectivas nun medio para xerar cambios positivos no contexto.

A través de disciplinas tan dispares como a pintura, a arte de acción, a reciclaxe ou a instalación, seis artistas profesionais desenvolveron, ao longo de dous meses e en colaboración coa Asociación CentinelasASPANAES (asociación de familiares de persoas autistas), ARELAS (asociación de familias de menores trans*), FEAFES Galicia (federación de asociacións de familiares e persoas con enfermidade mental), Obra Social Pediatría, Planeta Shalom e Proxecto Home Galicia, cinco propostas de intervención artística co único requisito de partida de ser capaces de xerar material artístico residual que, diseminado pola cidade, puidese implicar non só aos colectivos e participantes senón a toda a cidadanía. 

Pese ao desenvolvemento exitoso desta primeira experiencia, tardamos algo máis de dous anos en conseguir os medios necesarios para levar a cabo unha segunda edición. Grazas esta vez ao financiamento obtido mediante dúas subvencións competitivas, unha concedida pola Deputación da Coruña, e a outra, novamente, procedente do Concello de Compostela, puidemos repetir a iniciativa ampliando o número de intervencións artísticas e tamén o contexto de actuación das mesmas, ao incorporar unha asociación do concello de Teo á proposta. Durante o mes de decembro de 2018, seis artistas profesionais desenvolveron senllas liñas de acción e intervención artística en colaboración e complicidade coa Asociación Centinelas, ASPAMITE (asociación de pais de persoas con discapacidade de Teo), ASPANAES (asociación de familiares de persoas autistas), Fundación Down CompostelaFundación Secretariado Xitano e o alumnado do IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela e do bacharelato artístico do IES de Sar.

Coa intención de descentralizar os recursos e ferramentas de creación cultural e seguir xerando cambios positivos nos espazos que habitamos, mantivemos a organización en base a laboratorios de creación colectiva e metodoloxías centradas na experimentación artística. Tomando como punto de partida o desexo colectivo de converter as nosas cidades e aldeas en espazos máis inclusivos e igualitarios, buscamos visibilizar artisticamente os intereses, preocupacións, sentimentos, capacidades e/ou cotidianidades das persoas participantes, empregando para iso medios tan dispares como a escultura, o bordado, a danza ou a videocreación.