MicroBios
- Ano
- 2015-2017
- Lugar
- Galicia
- Comisariado
Unha casa de bonecas abandonada, rescatada dun faiado e restaurada pola artista plástica María X. Fernández, serviunos de pretexto para crear un espazo expositivo e de intervención artística portátil.
Inspiradas nas orixe de La boîte en valise (A caixa na maleta), de Duchamp, e do proxecto murciano Fundación Newcastle, de Javier Castro, concibimos MicroBios coma unha galería de arte contemporánea a escala na que a obra é a auténtica protagonista. Neste senso, máis alá do obxectivo puramente expositivo, quixemos converter o proxecto nun medio para reivindicar as boas prácticas laborais nun contexto no que se realizan grandes investimentos de diñeiro público en infraestruturas culturais á vez que se emprega a crise económica como escusa para precarizar cada vez máis as condicións de traballo no sector.
Igualmente, ao crear a nosa minúscula galería pretendemos devolver o valor artístico ao contido a partir dun xogo consciente de redución do tamaño e o continente que funciona, ademais, como unha perspectiva atractiva e pouco convencional a través da que achegar a arte contemporánea á sociedade.
Baixo estes principios, a andaina de MicroBios inaugurábase no marco da TEDxGALICIA 2015 cunha exposición colectiva que se puido visitar durante un mes na primeira sede da cooperativa localizada na Cidade da Cultura. Posteriormente, en marzo de 2016, unha nova exposición colectiva deuse a coñecer con motivo da participación da 7H na feira de arte contemporánea Cuarto Público. Neste contexto, a idea primixenia do proxecto experimentou unha novidosa evolución: transformando o espazo expositivo nunha Residencia Artística. Debido ao reducido continente do noso peculiar espazo artístico e co fin de facilitar a maior comodidade das artistas convidadas, é MicroBios o que reside na casa ou estudio de artista das persoas participantes e non a inversa, como adoita ser habitual.