Ir ao contido da páxina
7H Coop

Construamos o Termo Feminista de Compostela

Ano
2024
Lugar
Santiago de Compostela
Cliente
Concello de Santiago
Xestión e mediación cultural
Cultura comunitaria e prácticas artísticas participativas

En 2024, o Concello de Santiago encargounos a campaña do 8M. Tras unha análise do feito en anos anteriores e co desexo de implicar activamente á veciñanza, xurdiu o Termo Feminista, unha proposta de creación artística comunitaria que buscaba aproveitar a forza do 8M para reactivar, apoderar, poñer en valor e visualizar as iniciativas cidadás que, tanto de xeito individual, como colectivo, axudan a construír unha Compostela máis xusta e igualitaria para todas as persoas.

Partindo da consideración dos feminismos como algo transversal e interseccional, a iniciativa mesturaba bagaxes, preocupacións e experiencias para reinventar, entre todas e desde as diferenzas, o camiño para que o Santiago feminista deixe de ser unha utopía e se torne realidade. Así, convocouse a distintos colectivos, principalmente locais, que formaron parte do grupo motor, e á veciñanza, que se erixiu coma colaboradora. 

O Termo Feminista articulouse ao redor de cinco reunións de traballo. A primeira, serviu de toma de contacto co proxecto e para coñecerse mellor,  falar das preocupacións e propostas que, nos últimos anos, ocuparon a axenda dos movementos feministas en Compostela, e artellar, en colectivo, unha serie de normas de convivencia.

As catro restantes, organizáronse en torno a catro eixos temáticos: a memoria, o construído, o natural e os coidados, fío condutor dunha proposta centrada nas persoas e no traballo colectivo, na escoita e na sororidade, no respecto ás referentes e na capacidade de seguir aprendendo cada día das demais, públicas e/ou anónimas. Deste xeito conseguíronse dúas cousas: estender o 8M de marzo a maio e implicar a diversidade de olladas en todos os puntos que conforman o ideario do concello. Isto permitiu que as reflexións e as aprendizaxes foran profundas e enriquecedoras.

Tras estes encontros, elaborouse un documento que recollía un feixe de necesidades colectivas para trasladar á corporación municipal e conseguir a promesa política de seguir transformando Compostela nun lugar mellor, para as mulleres e para todas as persoas. Para presentalo, convocouse a todos os partidos da corporación na procura, con éxito, de que todos se involucraron no proceso. 

Como resultado final, as 14 mulleres integrantes do grupo motor creamos un dispositivo artístico con formato de xornal representativo da realidade feminista de Compostela, e que foi distribuído por todo o concello. A publicación, que pode lerse e combinarse de distintos xeitos (non só pola ollada de quen mire, senón por como foi construída) é un catálogo para visualizar proxectos e iniciativas feministas desde unha mirada interseccional, diversa e plural, amosando que as nosas diferenzas, e o xeito de construír e coidar desde elas é o que en verdade fai forte ao colectivo. 

Para celebrar o traballo, articulouse unha última xornada aberta e festiva, onde ademais de presentarse os resultados acadados puidemos seguir a tecer redes. Foi unha merenda pública de comadreo na que houbo música, recitais e micro aberto, nun espazo adaptado á conciliación e que permitiu achegarse ás persoas máis novas e ás máis vellas.

Grazas a Paula Cantero de Origami Studio pola imaxe gráfica e o traballo compartido de deseño e a Charo Lopes pola ollada visual e acompañamento fotográfico.