Ir ao contido da páxina
7H Coop

Blind.Wiki

Ano
2016
Lugar
Santiago de Compostela
Cliente
Cidade da Cultura
Cultura comunitaria e prácticas artísticas participativas

Iniciado na Academia de España en Roma durante o ano 2015, Blind.Wiki é un proxecto artístico en colectividade baseado na utilización de teléfonos intelixentes como medio de creación e apoderamento.

Este prototipo de rede cidadá en Internet, concibido polo artista Antoni Abad en colaboración con persoas cegas e/ou con baixa visión, aspira a converterse nunha plataforma internacional a través da que persoas con problemas de visión compartan e comparen o grao de accesibilidade de distintas cidades, creando así unha cartografía pública sensorial da que poida beneficiarse tanto o propio colectivo como resto da sociedade.

Tras estar presente no Festival Art&About de Sidney, na 9ª Bienal de Berlín, na Capitalidade Cultural Europea de Wroclaw (Polonia) e no Espai d ́arte contemporani de Castelló, en xullo de 2016 chegou por primeira vez a Galicia da man de 7H Cooperativa Cultural en colaboración con Desirée Vidal, socia fundadora de Offmuseum, co apoio e patrocinio da Cidade da Cultura de Galicia e a colaboración de ONCE Galicia

A nosa proposta “BlindWiki, mapeando o invisible” convidou a persoas con discapacidade visual a compartir a través da arte as vivencias, obstáculos e desafíos que atopan na súa vida cotiá. Lonxe de limitarnos a xerar unha listaxe de barreiras á accesibilidade, tentamos facilitar a creación dun catálogo virtual de historias creadas colectivamente, deseñadas para proporcionar unha perspectiva matizada da paisaxe urbana tal e como a experimentan a diario as persoas cegas ou con visibilidade reducida.

Desde 7H queremos agradecer tanto a Antoni Abad como a Carmen e Ramón, Antonio, Mario e Damián, Merche, Amelia, Bea, Domingo, Antonio e Dorinda o seu entusiasmo e a xenerosidade de ensinarnos o que aos videntes nos permanece invisible. Queda moito traballo por facer!