Ir ao contido da páxina
7H Coop

Muros en man común

CONVOCATORIA DE ESPAZOS PARA O DELAS FEST

1. Presentación 

O Delas Fest, programa feminista de arte urbana contextual é o primeiro festival de arte urbana contextual con perspectiva de xénero de Europa. Impulsado por 7H Cooperativa Cultural, desenvólvese desde 2019 na área de Compostela, co obxectivo de democratizar a expresión artística na rúa e contribuír ao combate das desigualdades que sofren as mulleres que crean no espazo público.

2. Obxecto

Esta convocatoria ten por obxecto crear un repositorio de muros mancomunados para a creación artística no marco do Delas Fest, ampliando o seu territorio de acción coa implicación da veciñanza. 

Para descentralizar e espallar as obras artísticas realizadas ao abeiro do festival, buscamos a persoas ou entidades que, como propietarias ou co-propietarias dalgún inmoble ou edificación, desexen ceder gratuitamente algunha parede ou muro susceptible de ser soporte das intervencións artísticas. Estas intervencións desenvolveranse sempre desde o diálogo creativo co contexto sociohistórico e o espazo físico que as acolla, procurando a súa integración no resultado final.

3. Modalidades

As intervencións artísticas desenvoltas no Delas Fest realízanse a través de dúas modalidades e sobre soportes de diferentes tamaños e características:

  • Modalidade A: intervencións de gran formato. Para este tipo de obras buscamos medianeiras ou paredes cunhas medidas aproximadas de, cando menos, 30 metros cadrados e entre 5 e 12 metros de altura.   
  • Modalidade B: intervencións de mediano e/ou pequeno formato, desenvoltas no marco de obradoiros participativos dirixidos por especialistas e realizados a través de procesos de creación colectiva con persoas de diferentes perfís. Para este tipo de pezas, procuramos pequenos muros ou paredes cunhas medidas aproximadas de entre 7 e 12 metros de longo e non máis de 2 metros de altura.

4. Condicións de participación

Por unha banda, a persoa cedente comprométese a:

  • Facilitar sen custo de cesión o espazo proposto para a realización dunha intervención artística no marco do Delas Fest.
  • Non impoñer condicionantes referidos á temática e/ou execución artística, de forma que non se atente á liberdade da creadora designada pola organización. 
  • Non obstaculizar a visión da fachada mediante ningún tipo de instalación permanente e a non superpoñer elementos publicitarios na superficie cedida por un período de tempo non inferior a 8 anos no caso da “Modalidade A” e de 3 anos no caso da “Modalidade B”.

Por outra banda, a organización comprométese a: 

  • Supervisar o desenvolvemento das intervencións artísticas nos espazos cedidos.
  • Tramitar os permisos necesarios para a intervención artística, así como a asumir todos os custos asociados á súa realización, incluído o seguro de responsabilidade civil obrigatorio. 
  • Elaborar e asinar un acordo de colaboración entre as partes con anterioridade á cesión do espazo a intervir no que consten as condicións específicas do mesmo. 

**Presentarse a esta convocatoria non implica que, necesariamente, os espazos candidatados vaian ser aceptados. A equipa de 7H realizará, en colaboración cos concellos que apoian o festival, un estudo pormenorizado de cada un dos emprazamentos para determinar a súa idoneidade e irá contactando coas candidatas en función das necesidades.

Máis información en 7hcoop@7hcoop.gal / 881978756 / 637894033 

Máximo 2 MB por imaxe. Formatos admitidos: JPG, JPEG, PNG, BMP, GIF, WEBM

  • RESPONSABLE DO TRATAMENTO: 7H SOCIEDADE COOPERATIVA GALEGA
  • FINALIDADE: Xestionar os datos dos asistentes a actividades.
  • BASE LEGAL: O consentimento outorgado polo interesado.
  • CESIÓNS DE DATOS: Non se prevén.
  • CONSERVACIÓN DOS DATOS: O tempo necesario para a organización da actividade e durante os anos necesarios para cumprir coas obrigas legais.
  • EXERCICIO DE DEREITOS: Enviar mail a 7hcoop@7hcoop.gal Máis info en www.7hcoop.gal