Ir ao contido da páxina
7H Coop

Xornada de conversa e debate “Onde están as mulleres na arte urbana?”

Co obxectivo de combater tamén no plano teórico as desigualdades de xénero existentes no sector, esta xornada de faladoiros contou coa participación de tres das catro artistas encargadas de realizar as intervencións en gran formato, e doutras cinco profesionais do ámbito galego e peninsular.

Logo dunha presentación introdutoria na que Clara Rodríguez Cordeiro, como comisaria do Delas Fest, achegou información de relevancia para a contextualización, tanto cualitativa coma cuantitativa, do panorama da arte urbana galega desde unha perspectiva de xénero, Lara Seixo Rodrigues, curadora e produtora de eventos de arte urbana portuguesa desde Mistaker Maker, foi a encargada de inaugurar a xeira de faladoiros. Tras realizar unha exposición detallada dos distintos proxectos que levou e leva adiante, coma o Estarreja, Fazunchar ou o Lata 65, tomou a palabra a graffiteira  Vegan Bunnies, quen achegou a súa perspectiva a pé de rúa, como artista acostumada a sortear os perigos derivados de transgredir, deliberadamente, os límites impostos pola lei nun espazo público rexido polo patriarcado. 

Finalmente, conformouse unha interesante conversa a varias bandas e coa activa participación do público na que, Natalia Andreoli e Lina Castellanos, de Dúo AmazonasLorena Cosba e as galegas Lupita HardIria Fafián expuxeron as súas experiencias arredor dos condicionantes, case sempre traducidos en obstáculos, que impón o xénero á hora de traballar na rúa. 

Entre o público, conformado por unhas 30 persoas que completaron o aforo dispoñible na Casa Xohana Torres, había tanto profesionais do sector, coma representantes de administracións públicas e outras persoas interesadas na disciplina. De forma maioritaria, as presentes trasladaron os seus parabéns polo enfoque e temáticas abordadas, acentuando a necesidade de que foros como o organizado tivesen lugar.