Ir ao contido da páxina
7H Coop

Introdución á arte urbana de guerrilla

Impartido pola graffiteira e activista, Vegan Bunnies, o obradoiro de introdución á arte urbana de guerrilla organizouse coa vontade de achegar as posibilidades desta disciplina como ferramenta que democratiza a expresión e intervención no espazo público.

Durante as dúas tardes nas que se desenvolveu a actividade de Vegan Bunnies, construíuse un espazo de confianza e aprendizaxe colectiva no que as participantes compartiron recursos e técnicas para intervir a rúa como soporte de expresión artística e política tanto a partir do emprego de recursos básicos (xornais, cartóns, rotuladores, pinturas, cola…) como a través do emprego do spray seguindo a técnica do graffiti. 

O entusiasmo das persoas presentes na actividade, de perfís variados mais co común denominador do interese pola arte de rúa e/ou o activismo feminista, unido á implicación da artista encargada de impartir o obradoiro, deron lugar a dinámicas con resultados moi estimulantes e que mesmo cobraron relevancia pública. 

Na primeira xornada de obradoiro, a creación do cancelo #vaifaceracea en adhesivos e carteis espallados por distintos espazos da cidade de Santiago como resposta artística aos comentarios machistas dun home que interrompeu a perfomance “Un violador no teu camiño” na Praza do Obradoiro, suscitou múltiples reaccións en redes sociais, sendo apropiada e reproducida por persoas alleas ao obradoiro.

Na segunda xornada do taller, as participantes avanzaron na aproximación ás técnicas da arte urbana a través do emprego de spray. En base ás temáticas sobre as que xirou tanto a conversa colectiva como as creacións realizadas durante o tempo compartido coas persoas inscritas no obradoiro, Vegan Bunnies realizou o bocexo dun graffiti de mediano tamaño nunha das paredes interiores da Casa do Matadoiro. De forma colaborativa, as participantes encargáronse de finalizar e perfeccionar os trazos das figuras e do texto da composición, así como de darlle cor. O resultado é un mural que emula a performance colectiva iniciada en Chile polo colectivo “Las Tesis” para denunciar a violencia estrutural do patriarcado sobre as mulleres.